martes, 15 de xuño de 2021

COÑECES A ILLA DAS ESCULTURAS? ORIÉNTATE!



 Saberiades localizar as 12 esculturas de grandes figuras de recoñecemento mundial que se atopan na Illa do Covo e que fan que popularmente sexa coñecida como Illa das Esculturas?

Collede o compás, as pistas que deixamos nos textos que hai a continuación e tedes 90 minutos para localizalas, facervos un selfie en cada escultura, indicar de que autor é e qué simboliza. Gaña o equipo que localice máis, pero gañamos todos en cultura e respecto polo noso patrimonio!

I

O teito é de pedra.

De pedra son os muros

i as tebras.

De pedra o chan

i as reixas.

As portas,

as cadeas,

o aire,

as fenestras,

as olladas,

son de pedra.

Celso Emilio Ferreiro

 

II

Representa o espazo entre o ceo e a terra, entre nós e a inmensidade. Responde a un das súas formulacións clásicas, a idea de medir o infinito. A súa columna simboliza que conseguiu reducir a distancia entre o ceo e a terra nun metro e vinte centímetros. É dicir, que foi capaz de medila por “ acurtamento”.

 

III

En realidade indica un carreiro, o que a xente vai formando ao camiñar ao seu lado pisando a herba que crece. Ten 37 metros e divídese en dous en parte da súa lonxitude. “Un carreiro é un lugar. Tamén é un camiño que vai dun lugar a outro, de aquí ata alí, e volve novamente. Calquera lugar ao longo del é unha parada. A percepción da súa lonxitude depende da velocidade do camiñante, ou dos seus pasos, ou da súa dificultade. …/… Un carreiro faise polo movemento, polas pegadas acumuladas dos usuarios. …/… Ao redor do mundo nas diferentes culturas, os carreiros están marcados de moi diferentes formas, con mouteiras, postes indicadores, puntos quilométricos, bandeiras de oración, altares, muros  menai, e outras marcas sacras ou culturais”.

  

IV

Coloca os seus “36 xustos”, 36 bloques de granito negro de Campo Lameiro que se refiren á tradición hebrea dos 36 sacerdotes que, distribuídos por todo o mundo encárganse de manter o seu equilibrio. Os bloques de granito sobresaen do chan como tocos negros de árbores cortadas non se sabe debido a que catástrofe natural ou humana reclamando o contrapeso á catástrofe ecolóxica que supón o monocultivo imperante nos nosos montes.

 

V

Ao bordo do río, dous camiños de granito rosa de Porriño elevados sobre o chan. A obra fálanos da unión da pedra coa natureza representada por unha liña de céspede e da lingua dos antigos canteiros, “o verbo xido”.

 

VI

Recrea o petroglifo máis antigo de Europa. Provoca na persoa que o percorre unha sensación atafegante que lle fai desexar chegar cando antes ao seu centro. Cando ao fin consegue chegar, o desexado centro desaparece, resultando unha experiencia parecida aos non-lugares de  Smithson. Está realizado en granito recuberto por lousa negra.

 

 

 

 

VII

En realidade indica un carreiro, o que a xente vai formando ao camiñar ao seu lado pisando a herba que crece. Ten 37 metros e divídese en dous en parte da súa lonxitude. “Un carreiro é un lugar. Tamén é un camiño que vai dun lugar a outro, de aquí ata alí, e volve novamente. Calquera lugar ao longo del é unha parada. A percepción da súa lonxitude depende da velocidade do camiñante, ou dos seus pasos, ou da súa dificultade. …/… Un carreiro faise polo movemento, polas pegadas acumuladas dos usuarios. …/… Ao redor do mundo nas diferentes culturas, os carreiros están marcados de moi diferentes formas, con mouteiras, postes indicadores, puntos quilométricos, bandeiras de oración, altares, muros  menai, e outras marcas sacras ou culturais”.

 

VIII

Propician a meditación e a lectura.  Expón unha instalación parecida á Mesa  Picnic que o iraniano  Siah  Armajani coloca en Huesca. Esta dobre utilidade dos obxectos debería ser un referente á hora de buscar alternativas ás instalacións artísticas. Podemos ler algunhas frases ( truismos, tópicos) como as seguintes: “Hai que vivir en harmonía coa natureza”, “Deberías viaxar lixeiro de equipaxe”, “Algunhas feridas nunca  cicatrizan” ou “Inevitablemente o inalcanzable é atractivo”.

 

IX

Pois nós cremos que a Memoria e o coñecemento das culturas é a base de todo entendemento entre os seres e as sociedades. Que o desprezo e a destrución desta Memoria entraña todas as mentiras e todos os excesos. Que o odio e a violencia entre os pobos, a intolerancia baixo as súas formas máis  odiosas, proveñen da ignorancia ou da destrución da memoria cultural dos pobos da Terra. E nós debemos, cos nosos modestos medios, opoñernos a esta amnesia e a esta destrución xeneralizada…” Supoñíase que esta gaiola, co tempo cubríase coas  enredaderas plantadas na súa base, e que a memoria estaría alí, debaixo dunha natureza que é a memoria de Galicia.

 

X

O escultor norteamericano constrúe a súa obra de 1,90 x 1,90 x 1,80 metros en granito rosa de Porriño. Os seus tradicionais espazos de cristal, de espellos ou metálicos, son substituídos aquí por baleiros. Esta escultura, resultado da invitación que se lle fixo ao artista para que participase no proxecto Porriño da Bienal de Pontevedra de 1988, despois de diversos avatares terminou aquí, nun lugar moito máis acorde co seu simbolismo que en anteriores localizacións. A pesar dos cambios de material respecto a os que normalmente utiliza, continúa coa súa concepción minimalista  e co seu agarimo polas formas triangulares.

  

XI

Tres  medallóns de lousa verde sobre os troncos de tres eucaliptos a máis de cinco metros de altura, situados nun lugar escondido, desconcértanme. Neles poden lerse, gravados a man, o nome do escritor e uns números que se corresponden con tres  sonetos de amor que o literato italiano escribiu para Laura. Son versos que falan de paixón e de soidade (Laura nunca lle correspondeu) e os gravados lémbranme as inscricións que os namorados fan nos troncos das árbores. Están orientados cara o sol nacente, o mediodía e o solpor.

 

 

XII

Xa saíndo do camiño, no medio do río, unha balsa de madeira a modo dos centos de bateas que poboan as rías, sobre a que o escultor galego colocou unha cadeira de brazos de esquina e un andel con dous queixos de tetilla. A balsa está ancorada pero móvese. A exposición do cotián no medio da natureza lémbrame a casa Casa  Farnsworth de  Ludwig Mies van  der  Rohe.

 

 


martes, 8 de xuño de 2021

LIGAS DO DEZ DE BADMINTON

Lembrade que os tres primeiro equipos de cada curso poden participar na liguiña do 10 para obter unha bonificación extra. Tedes o calendario colgado na aula virtual para saber que dia vos toca e contra que equipos. 

Lembrade que os equipos que non xogan deberán de colaborar arbitrando!

Haberá unha liga para 1º e 2º de ESO e outra para bacharelato. Veña, os do 10, a por máis!



 

luns, 3 de maio de 2021

A LIGA DE BADMINTON MARCHA!





 

LIGA DE BADMINTON

 Rematado o pinfuvote, comezamos co badminton.


Comeza a liga de badminton por parellas mixtas. Aproveitade para poñer en práctica os vosos coñecementos e para retar aos vosos compañeiros doutros cursos.

So precisades formar parella con alguén de outro xénero, vir con roupa deportiva e raqueta e xogar os partidos nas datas que están previstas no almanaque. 


luns, 12 de abril de 2021

XOGAMOS AO FLOORBALL?

 Descubride este deporte colectivo. Xogaremos na Gran Vía de Montero Ríos a esta modalidade de hockey urbano que está en auxe nos últimos anos!



luns, 1 de marzo de 2021

LIGUIÑA DE PINFUVOTE


 Xa temos en marcha a liguiña de Pinfuvote. Atrevédevos a participar neste novedoso deporte alternativo.

A inscrición e participación é por parellas mixtas que se poden organizar con xente de calquera curso e grupo.

A liga xogarase nos recreos, nos tres campos do patio interior. Podedes adestrar no ximnasio mentres non vos toque xogar.

Tedes o regulamento de xogo colgado na aula virtual. Ánimo e a xogaaaarrr!

venres, 18 de decembro de 2020

GAÑADORA DA PROBA DE COORDINACIÓN CON COMBA


O esforzo ten a súa merecida recompensa, e Paula, que practicou de xeito constante e metódico, alzouse co primeiro posto na proba de coordinación con comba. 

Parabéns, campioa!